Saúdo


Benquerida/o veciña/o:

Son tempos para decidir o futuro da nosa cidade. Tempos para enfrontar a crise coa ousadia de imaxinar outras políticas para a nosa veciñanza, as políticas que saben do valor da protección social, da creación de emprego estable e con dereitos, da presenza do público, das políticas que propician o empoderamento social e garanten a participación cidadá; tempos en resumo de non se conformar coas vellas receitas de dereitas que nos levaron a crise.

Os concellos son o mellor espazo, pola súa proximidade, para producir esas políticas alternativas, de esquerdas, que si dan resposta ás necesidades cotías das veciñas e veciños. Políticas de transformación social que requiren da vosa implicación para poderen ser viables e reais. Políticas nas que nós acreditamos e coas que nos comprometemos tanto no goberno como na oposición. Para axudar a crear emprego estable, para xerar novos servizos sociais en educación e dependencia, para remunicipalizar servizos públicos, para xerar integración solidaria e intercultural, para atender as pequenas cuestións e obras nos barrios, para gobernar excoitando e atendendo as suxestións da cidadanía e cogobernando con vós, para este outro xeito de gobernar podedes contar con Esquerda Unida.

Estou certa que a nosa cidade precisa dunha pequena revolución, do compromiso e a confianza vosa pra xunto con nós producir a forza suficiente para cambiar Ferrol ao producir unha fonda transformación no xeito de dirixir a cidade e nos contidos e obxetivos desa remuda. Ferrol necesita do teu coñecemento, da túa implicación, da túa valía para millorar, e nós imos pór a funcionar de verdade os espazos de democracia participativa para que sexas protagonista do Ferrol do porvir.

A candidatura que teño a honra de encabezar, compromete honradez e traballo arreo, e constitúe a mellor garantía de que non vai gobernar Ferrol o Partido Popular, nen se van aplicar no noso concello as políticas de dereitas. Esquerda Unida amosou nestes catro anos que sempre estivo ao carón da clase traballadora e da nosas veciñas e veciños nas súas reivindicacións e loitas: ao respeto dunha ilegal e perigosa planta de gas, contra as desfeitas de Fomento na Zona Rural, ou co transporte fraudulento do clinker; como tamén o fixemos nas folgas xerais ou contra os recortes na protección social e nas pensións: somos dos vosos e estamos con vós.

Coido que son tempos de ousar un cambio de esquerdas quen de construir de maneira compartida un futuro de benestar e igualdade en Ferrol. Sabemos e queremos gobernar Ferrol coa vosa participación e confianza. Xuntos temos a capacidade de producir unha pequena revolución na que ti sexas protagonista e Ferrol, a nosa cidade. o soño a realizar. Participa con nós, cambia Ferrol.

Agradecéndoche o teu tempo e de ser o caso a túa confianza, recibe unha aperta.

Yolanda Díaz Pérez - 1ª candidata a alcaldesa