Mitines en Ferrol Vello e en Pazos.
Ferrol, martes, 17 de maio do 2011
ESQUERDA UNIDA DESENVOLVERÁ UN TRABALLO ARREO A PROL DA LINGUA E CULTURA DO NOSO PAÍS.

YOLANDA DÍAZ ASUME O COMPROMISO DE FORNECER O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CONCELLO.

EU VAI GARANTIR A REHABILITACIÓN DA CASA DE CARVALHO CALERO COMO ESPAZO CULTURAL DE REFERENCIA.

Esquerda Unida realizou un acto público con acento especial, no Ferrol Vello e preto da casa de Carvalho Calero, marcado polo significado do Día das Letras Galegas. Acto onde soaron verbas reivindicativas no discurso dos oradores, cunha intervención de Xosé María Dobarro marcada polo compromiso no que analisou a singular rebeldía de Lois Pereiro.

Yolanda Díaz acolléndose aos versos do poeta homenaxeado este ano, advertiu da necesidade de chegar a tempo de exercer a rebelión diante das inxustizas dun mundo cruel. “Nós estamos cos que tentan deter a roda opresiva e maldita que caracteriza a historia de infamia da que deu conto o poeta na súa Modesta proposición…”pregoou Yolanda Díaz. Animando ás veciñas e vecinos a soster co seu sufraxio a pequeña revolución que vai operar Esquerda Unida na cidade de Ferrol.

A candidata a alcaldesa pola formación de esquerdas subliñou a perentoriedade de pular polas políticas de normalización lingüística. Puxo como exemplo a laboura que Javier Galán desenvolveu cando tivo esa responsabilidade, aumentando os orzamentos adicados á normalización da nosa lingua e deseñando unha acción do Consello da Lingua volcada cara a sociedade para normalizar o galego en todos os eidos da vida social.

Yolanda Díaz comprometeuse a fornecer o servizo de normalización lingüística do concello con recursos e persoal suficientes para extender a súa capacidade de acción. EU asumiu a demanda feita nese senso polos equipos de normalización do país. Non se pode construír un porvir de integración e benestar contra a cultura e a lingua do pobo, anotou na súa intervención.

O Consello Municipal da Lingua será o pé para espallar na sociedade os compromisos para afianzar e desenvolver a nosa lingua por toda a cidade.

Na praza de Ferrol Vello soaron verbas acesas para reclamar o recoñecemento da figura senlleira de Carvalho Calero. Nese contexto, Yolanda Díaz lembrou o traballo feito e garantiu a rehabilitación do inmoble do autor do “Futuro condicional” como espazo cultural sobranceiro para o barrio e a cidade.

No hay comentarios: