Mitin en Esteiro.
Ferrol, xoves, 19 de maio do 2011
ESQUERDA UNIDA FORMULA UN AMBICIOSO PROGRAMA DE TRANSFORMACIÓNS PARA O BARRIO DE ESTEIRO.

A ELABORACIÓN DO PLAN ESPECIAL, A CONSECUCIÓN DA ESCOLA INFANTIL, A CONSTITUCIÓN DO FORNO BELLÓN COMO CENTRO CÍVICO E A NOVA DOTACIÓN UNIVERSITARIA SON ALGÚNS DOS ELEMENTOS SOBRANCEIROS DA PROPOSTA PROGRAMÁTICA DE EU.

“QUEREMOS TER A RESPONSABILIDADE DE GOBERNAR A CIDADE”, SALIENTOU YOLANDA DÍAZ.

Yolanda Díaz encarou o tramo final da campaña cun mitin de claro acento político e programático en Esteiro. Tralo exitoso mitin central do Jofre, nun ambiente propicio, quentado polas demandas dos traballadores e traballadoras do naval, a primeira candidata de Esquerda Unida enunciou a determinación e disposición de Esquerda Unida para responsabilizarse do goberno da cidade:” queremos ter a responsabilidade de gobernar a cidade”, subliñou Yolanda Diaz.

A candidata a alcaldesa pola formación de esquerdas formulou un ambicioso programa de transformación para o barrio de Esteiro nos eidos dotacionais públicos, de servizos sociais e educativos. Plasmar un barrio anovado quen de achegar servizos e equipamentos a súa veciñanza foi a súa constante na intervecnión.

Yolanda Díaz defendeu a necesidade de elaborar o Plan Especial de Esteiro para preservar espazos como a rúa San Carlos, recordo do barrio obreiro que configurou a cidade. O Plan ten que ser a ferramenta que preserve e de pulo a un trazado e inmobles doutrora.

Lembrou a acción política e social que EU leva xunto con outras entidades asociativas e veciñais, comandadas pola Asociación Veciñal de Esteiro encol da consecución da nova escola infantil para o barrio cumprindo as previsións do convenio da primavera de 2008. Afirmou que Esquerda Unida relanzará no goberno municipal a loita para que a Xunta de Galicia deixe de incumprir os seus compromisos en materia de benestar.

A ampliación do campus universitario foi outra das propostas nas que a candidata a alcaldesa fixo fincapé a partires do traballo parlamentar que Esquerda Unida está a realizar en demanda da desafección de terreos militares como o cuartel de Dolores ou o cadro de Esteiro para a súa utilización na ampliación do campus.

A adquisición do Forno Bellón para a súa adicación como centro cívico do barrio foi un punto no que a primeira candidata tracexou a xenealoxía da demanda de EU dende o acordo de orzamentos de 2009. Esteiro necesita este equipamento sen máis demoras.

Tivo tempo a candidata para pedir a recuperación do inmoble que fora igrexa de San Fernando para usos públicos no barrio, dada a súa actual situación de desuso.

No hay comentarios: