Presentación do programa de Medio Ambiente.
Ferrol, luns 2 de maio do 2011
Esquerda Unida vén de presentar as liñas fundamentais do seu programa de Medio Ambiente.
Yolanda Díaz afirma a vontade de defender a Ría de Ferrol das prácticas depredadoras, sexa a Planta de Gas ou a alternativa que contempla Fomento para o tren ao Porto Exterior.
Willy Meyer formulará unha acción parlamentaria en Bruxelas para garantir que o trazado no supoña outra agresión máis para a nosa ría.
Esquerda Unida presentou está mañá as liñas fundamentais do seu programa de medio ambiente aproveitando a visita á nosa cidade do deputado no Parlamento Europeo, Willy Meyer. Un completo abano de medidas ( achégase dossier ) para protexer e pular pola recuperación dos espazos naturais e a súa posta en valor no marco dunha cidade sustentable. A protección da fraga de Menáncaro, a recuperación do servizo de auga no cadro dunha nova política de augas, a creación da Axencia Local da Enerxía contemplada nunha anovada Axenda 21 Local, a limpeza e canalización dos Corrais, ou a realización do saneamento das parroquias do rural mediante microdepuradoras biolóxicas, son algunhas das sobranceiras propostas que en materia de sustentabilidade ambiental presenta Esquerda Unida.

A bordo da embarcación “o Ría de Ferrol”, Esquerda Unida achegou un resumo das principais accións a desenvolver neste eido no vindeiro mandato municipal. Yolanda Díaz afirmou en particular o compromiso de EU para coa ría de Ferrol, en canto espazo singular natural e produtora de riqueza e emprego sustentables para a nosa cidadanía. Willy Meyer significou a nosa determinación de defender en Bruxelas a legalidade e os intereses xerais, sen ceder diante das presións dos poderes económicos.

A primeira candidata de EU á alcaldía da cidade afirmou que xa sexa no tema da planta de gas, canto no trazado defendido por Fomento para levar o tren ao Porto Exterior, Esquerda Unida terá unha actitude belixerante para defender a nosa ría dunha acción depredadora e economicista a curto prazo.

3 Sentenzas xudiciais en contra, unha instalación innecesaria e superflua como amosa que funcione o 40%, o incumprimento das normativas europeas de seguridade, a corrupción político-empresarial con convenios secretos entre a Xunta e a empresa,, o vertido de preto de 300.000 toneladas de auga clorada de cote á ría... son algunhas das razóns críticas que avalan a posición de EU e do Comité Cidadá de Emerxencia.

Esquerda Unida mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co Comité Cidadáde Emerxencia para abordar a situación da planta de gas na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, onde a acción política de Willy Meyer mantén aberta esta cuestión e onde nos vindeiros días a nosa organización achegará documentación adicional acerca do perigo e ilegalidade que entraña esta instalación no seu actual emprazamento.

Willy Meyer fixo un percorrido pola ría de Ferrol, onde coñeceu de primeira man a actual e inaceptable situación da planta de gas ou o pretendido trazado que Fomento quere para o tren a Caneliñas, trazado destrutor dun ben fundamental desta cidade, a súa ría, en particular a ensenada da Malata.

O eurodeputado de Esquerda Unida anunciou unha acción parlamentar para protexer á ría do trazado economicista e destrutivo de Fomento. Esquerda Unida vai traballar arreo e da man do movemento asociativo cidadá que encabeza o CCE para deter e gañar unha batalla social pola seguridade e a sustentabilidade da nosa ría.

No hay comentarios: